Coñecer as enerxías limpas
Aqueles anos de uranio, gas e petróleo
Imaxinemos por un intre que nos asomamos a 1984, o ano no que naceu o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).
A sociedade asistía asombrada ao nacemento en Barcelona da primeira nena-probeta e, por fin, vía no horizonte a inminente entrada de España na Comunidade Económica Europea. Nos tempos de cambios sociais, o país modernizábase e vivía unha explosión cultural na que La Movida foi a manifestación máis popular. Os nenos vían La bola de cristal na televisión e na radio soaba Thriller, de Michael Jackson. Apple fabrica o primeiro Mac da historia.
No ámbito global, os EE. UU. e a Unión Soviética realizaban probas atómicas secretas e a central de Chernóbil inaugurou o seu cuarto reactor nuclear anticipando un desastre que cambiaría a visión sobre esta enerxía.
O petróleo tensaba as relacións internacionais e creaba novos polos de poder rexional. Lonxe de calquera preocupación ambiental, os petroleiros vertían a miúdo a súa carga no mar, o que xeraba mareas negras, e a industria producía sen control nin regulacións. Un escape nunha planta de pesticidas en Bhopal (India) mataba no 1984 a 20.000 persoas.
A palabra sostibilidade non existía no dicionario. Tampouco se falaba de cambio climático nin de economía circular.
Eran tempos de uranio, gas e petróleo. Nese mesmo 1984, tras anos de obras, entraban en operación as centrais nucleares de Ascó (Tarragona), Cofrentes (Valencia) e Almaraz (Cáceres). O noso país aprobara un ano antes a moratoria nuclear: suspender a construción de novas plantas nucleares e manter só as existentes, ou as que estivesen a piques de inaugurarse, ata o fin da súa vida útil.
O país dependía enerxeticamente do exterior: España importaba entón máis de 36 millóns de toneladas de petróleo para consumo interno, ademais do que mercaban as refinarías para producir derivados (gasolina, gasóleo, parafina ou queroseno) con destino á exportación. México, Irán e Arabia Saudita eran os nosos principais subministradores.
O ouro negro proporcionaba o 52 % da enerxía primaria que consumiamos. O 26 % era carbón, o 10 % enerxía hidroeléctrica, o 9 % nuclear e o 3 % gas. Hoxe o petróleo representa o 45 % da enerxía primaria e o gas o 20 %, pero xa emerxen as renovables como a terceira fonte de enerxía, cun 16 % de cota. O carbón, non obstante, xa supón menos do 3 % do mix enerxético nacional.
O ano 1984 marcou un antes e un despois na ruta da sostibilidade e as enerxías limpas en España. Os cidadáns e as empresas entón non o sabían, pero estaban a dar a luz unha nova era. Cal é o balance tras catro décadas de transformacións? Menos emisións, maior autonomía estratéxica e aínda moito camiño por percorrer.
Líderes mundiais en autoconsumo solar
España é un país de sol. Tiñámolo todo para ser unha potencia mundial en enerxía solar fotovoltaica cando esta tecnoloxía comezou a estenderse a comezos do século XXI. Conseguímolo?
Xa estamos no Top 10 mundial e somos o segundo país europeo en potencia instalada, só detrás de Alemaña. O crecemento foi exponencial dende a derrogación no 2018 do chamado «imposto ao sol», que gravaba o autoconsumo en España.
Dende entón a regulación encamiñouse a facilitar os trámites administrativos, permitir a comercialización dos excedentes non consumidos polo usuario e acelerar a instalación de paneis tanto nas chamadas plantas solares coma nos tellados das casas. Cunha estratexia de Estado que se plasma no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2023-2030 (PNIEC).
O novo marco normativo foi en paralelo á creación dun tecido industrial propio relacionado co boom das renovables e un sistema de axudas directas e bonificacións fiscais para a instalación de paneis solares que se materializou a partires do 2021 coa chegada dos fondos NextGenerationEU. Tamén se facilitou (con liñas de axudas do IDAE) a creación de Comunidades Enerxéticas e de Oficinas de Transformación Comunitaria (OTC) para guiar aos cidadáns nas novas vías de autoconsumo colectivo.
Todo este ecosistema permitiu que España sexa hoxe a novena potencia solar no mundo, nunha clasificación que lideran China, os Estados Unidos e Xapón. Só no 2023 o noso país instalou 5.594 MW de enerxía solar, para sumar unha capacidade de 28.666 MW a outubro do 2024. A solar fotovoltaica xa supón o 20 % da produción eléctrica en España, segundo o seguimento que fai Red Eléctrica.
Son cifras que miden só a produción das plantas solares no solo: as que ves dende a estrada cando viaxas por España. Pero estas estatísticas non teñen en consideración a produción dos paneis solares instalados en centos de milleiros de tellados e azoteas.
Cantas vivendas e empresas gozan xa do autoconsumo solar? Ata agora era unha cifra difícil de computar, dado que a autoxeración non está rexistrada por Red Eléctrica.
Pero a Mesa de Diálogo do Autoconsumo, que reúne a Red Eléctrica, enerxéticas, consumidores, comunidades autónomas, ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), conseguiu poñerlle cifras ao autoconsumo: en España xa hai 528.773 instalacións solares cunha capacidade total de produción de 3,88 GW.
O país do sol, do vento e da auga
Renovables e non renovables.
As non renovables explotan recursos naturais finitos do noso planeta, o que xera grandes impactos no clima, no medio ambiente, nos ecosistemas e na saúde humana, tanto na súa extracción coma no seu consumo. Son os combustibles fósiles.
As enerxías renovables producen enerxía aproveitando dun xeito natural os recursos que nos brinda o planeta, sen xerar emisións nocivas. Son as que explotan a forza da auga, do sol e do vento.
España non era rica en xacementos de petróleo e gas. Sempre tivemos que importar. Os nosos pozos acadaron récords de produción nos anos 80 do século pasado. No 1984 extraéronse 2,3 millóns de toneladas de cru (a maior parte fronte ao delta do Ebro), que apenas cubrían unha mínima parte do consumo.
Hoxe España xa non extrae petróleo e na última década apostamos polas enerxías renovables: eólica, solar e hidráulica. A estes vectores acaba de sumárselles o hidróxeno verde, grazas ao desenvolvemento dunha tecnoloxía que separa a molécula de hidróxeno da auga empregando enerxías renovables nese proceso de electrólise.
A variedade orográfica de España converteuse nunha aliada das renovables. Dispoñemos de 2.500 horas de sol ao ano, máis do dobre que no centro e o norte de Europa, e temos sitios únicos para instalar aeroxeradores.
Como o IDAE, a eólica tamén cumpre agora 40 anos en España. O primeiro parque de aeroxeradores instalouse en Garriguella (Xirona). Dende entón, os muíños foron poboando o territorio español ata acadar unha potencia instalada de 31.617 MW (datos a outubro do 2024) grazas aos 22.000 aeroxeradores repartidos por toda a xeografía nacional.
Do autoconsumo solar xa temos falado noutro artigo, con 28.666 MW instalados. E que pasa coa auga? Dispoñemos dunha potencia instalada de 17.102 MW nas nosas centrais hidroeléctricas. Se toda a potencia instalada suma 128.000 MW en España, obsérvase xa que as renovables supoñen máis do 60 %.
É o que reflicte a diario o seguimento de Red Eléctrica. No 2023, a xeración a partires de enerxías renovables xa supuxo máis do 50 % do mix eléctrico español por primeira vez na historia. E ao longo do 2024 acadáronse récords de produción solar, como os catro meses consecutivos (de maio a agosto) nos que a fotovoltaica se converteu na principal fonte de enerxía eléctrica en España.
O sol, o vento e a auga fixéronnos máis autónomos enerxeticamente, melloran a industria e a economía, e reduciron as emisións de CO2. Seguimos por ese camiño?