Coñecer as enerxías limpas

Un país que puxo toda a súa enerxía durante 40 anos para chegar ata aquí

Nestes 40 anos de avance cara ao aforro e a eficiencia enerxética, que coinciden coa creación do IDAE, España viviu probablemente a maior transformación social, cultural e económica da súa historia. Un período de modernización e crecemento que se encarna na historia persoal de cada español e que se materializa nalgúns datos que ofrecemos a continuación.

Como era a economía española no 1984? Situémonos no contexto da época: España aínda non ingresara na Unión Europea (Comunidade Económica Europea, como se chamaba entón), tiña unha moeda débil (a peseta) e saía dun período de recesión. Empezaba a acometer grandes reformas estruturais derivadas do compromiso de adhesión a Europa.

Por aquel 1984 a inflación chegaba ao 11 %, o desemprego ao 22 % e a renda por habitante era aproximadamente a metade da actual. A riqueza nacional, medida en termos do PIB, superaba lixeiramente os 200.000 millóns de euros, fronte aos 1,5 billóns de hoxe en día.

No 1984 deseñábanse os plans de reconversión industrial que pretendían modernizar o tecido produtivo ao reducir o peso da industria pesada controlada polo Estado, fundamentalmente naval, mineira e siderurxia. 

Comezaba tamén un proceso de privatización de empresas públicas como Telefónica, Tabacalera e SEAT, pero tamén do sector da enerxía, moitas delas agrupadas arredor do Instituto Nacional de Hidrocarburos (INH).

Este desinvestimento estatal no sector enerxético afectou a empresas como Endesa, Campsa, Repsol ou Enagás, o que fixo que a xeración, distribución e comercialización do petróleo, o gas e a electricidade pasara paulatinamente a mans privadas e se impulsara a competencia.

O ano 1984, como avanzabamos máis arriba, supuxo un antes e un despois en materia de eficiencia enerxética. O 26 de xaneiro creábase o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), co foco posto tanto nos particulares coma nas empresas. Falábase xa entón de consumir menos enerxía, pero tamén de buscar fontes alternativas ao petróleo. Hai 40 anos iso podía soar a ciencia ficción.

Así é como o 17 de decembro de 1984 se publica a primeira gran convocatoria de axudas a empresas en España en materia de eficiencia e aforro de enerxía, con subvencións que cubrían ata o 40 % do custo do investimento.

Comézase a falar de auditorías enerxéticas, de recuperar calores residuais, empregar residuos como combustibles, substituír derivados do petróleo por recursos renovables ou impulsar a autoxeración de electricidade mediante a auga, o sol e o vento: hidráulica, fotovoltaica e eólica.

Contámosvos noutros artigos os resultados deste esforzo conxunto para cambiar a enerxía do noso país. Podemos dicir que todo comezou nun ano, o 1984, no que España tiña moitos retos por diante e coligouse para que a enerxía pasase de ser un problema a unha oportunidade.

A nova competitividade enerxética grazas aos fondos europeos

O índice de sostibilidade da Universidade de Yale sitúa a España como a 15ª nación máis sostible do planeta. Ser sostible hoxe non é só unha obriga imposta por gobernos e entidades supranacionais, senón unha panca de crecemento: os clientes e os usuarios demandan cada vez máis servizos e produtos sostibles.  

Os selos verdes e estándares internacionais ISO certifican o compromiso medioambiental das empresas e as compañías españolas saen con nota. As novas normas internacionais e europeas de reporting obrigan hoxe en día ás empresas a certificar e publicar os seus avances en materia de medio ambiente, compromiso social e bo goberno.

España é o terceiro país do mundo en número de certificacións enerxéticas ISO 50001, con case 5.000 selos outorgados. Tamén o selo ISO 14001 de xestión ambiental foi entregado a máis de 31.000 centros de traballo e sitúa a España na cuarta posición a nivel mundial.

Tradicionalmente, competitividade e sostibilidade aparecían como conceptos antagónicos, ata que a axenda verde se foi impoñendo e ambos conceptos remataron retroalimentándose. Un recente estudo do Pacto Mundial das Nacións Unidas en España sinalaba que case o 88 % das pemes españolas seguían unha estratexia en materia de sostibilidade, fronte ao 54 % do 2018. 

Ademais, 8 de cada 10 empresas consideran que a sostibilidade lles proporciona unha vantaxe ante a competencia, segundo o informe do Pacto mundial da ONU. 

 A produtividade segue a ser a materia pendente da economía española, pero hai indicadores positivos que teñen que ver precisamente coa aposta pola sostibilidade e a tecnoloxía. A produtividade enerxética en España aumentou máis dun 25 % no que vai de século, mentres que a produtividade dos materiais medrou nun 120 %. Segundo datos oficiais, o consumo neto de materiais por parte da industria reduciuse case á metade. 

Na última actualización do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), que é como a folla de ruta da enerxía en España, sinálase que a integración das renovables e o incremento da eficiencia enerxética redundará en menores custos para fogares e empresas.

Un exemplo: os fogares españois destinaban á enerxía o 7,8 % do seu presuposto no 2019, e esa porcentaxe reducirase ao 5,7 % ao final desta década.

Os plans de reindustrialización sostible deseñados tralos problemas globais de subministro que se puxeron de manifesto durante a pandemia levarán a España, segundo o PNIEC, a medrar un 3,2 % por riba do previsto e a crear 363.000 empregos de aquí a 2025 e 560.000 ata 2030. Aínda que beneficiará a todos os sectores económicos, incidirá especialmente na industria, a enerxía e a construción.

O PNIEC 2023-2030 acaba de ser actualizado, como dicimos, para ter en conta a aceleración verde que se produciu nestes últimos anos e as novas proxeccións de crecemento económico, que implican un aumento da demanda enerxética.

Con todos os datos sobre a mesa, o novo PNIEC estima que no 2030 teremos reducido nun 32 % os gases de efecto invernadoiro, por riba do 23 % previsto. A electrificación da economía será do 35 % e o 81 % da electricidade consumida en España será de orixe renovable. A fotovoltaica será a fonte de enerxía líder en España no 2030, seguida da eólica, cun forte crecemento do hidróxeno verde.

A independencia enerxética española pasará do 19 % no 2019 ao 50 % no 2030, o que supón un aforro de 86.700 millóns de euros en importacións de combustibles fósiles.

O PNIEC 2023 estima que para acadar todos estes obxectivos fará falta mobilizar un investimento total de 308.000 millóns de euros ata o 2030, dos que un 82 % será privado e un 18 % será público. Desa cantidade, o 37 % destinarase a enerxías renovables, o 28 % a aforro e eficiencia, o 17 % a redes enerxéticas e o 17 % restante á electrificación da economía.

Como se canalizará ese investimento na transición enerxética? Os fondos europeos crearon unha nova figura de colaboración público-privada que está a impulsar a descarbonización a grande escala e a reindustrialización sostible: os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica, coñecidos como PERTE.

Estes instrumentos canalizan preto de 40.000 millóns de euros dos fondos europeos cara a industrias como o automóbil eléctrico, a microelectrónica e os semicondutores, o hidróxeno verde e as enerxías renovables. O obxectivo dos doce PERTE é facilitar a descarbonización e crear unha industria nacional potente en sectores estratéxicos como a mobilidade eléctrica, a produción renovable e o almacenamento enerxético e a fabricación de baterías eléctricas e microchips.

Sabías que no IDAE encargámonos de xestionar máis de 10.000 millóns de euros deses fondos mediante convocatorias propias e a través das comunidades autónomas? O 91 % deses investimentos xa está en marcha, o que supuxo un traballo enorme do Instituto, as comunidades autónomas e a industria española nos últimos 4 anos. Pero xa se están a ver os resultados!

A electrificación da economía: a nova Revolución Industrial

O pasado 30 de setembro pechaba as súas portas a última central eléctrica de carbón aínda en funcionamento no Reino Unido. A clausura da planta de Nottinghamshire marcaba así simbolicamente a fin da Revolución Industrial, nacida en Inglaterra hai dous séculos e medio, e que tivo o carbón como motor tecnolóxico.

Terás oído falar da descarbonización. Fai referencia ao abandono acelerado dos combustibles fósiles na industria e o transporte e a súa substitución por fontes de enerxía alternativas e limpas. Non só o carbón, tamén o gas e o petróleo xeran enormes cantidades de CO2 e outras emisións nocivas tanto na súa extracción coma na súa combustión. 

A descarbonización é un proceso programado que pretende acadar o seu cumio no 2050 grazas aos plans nacionais e globais para prescindir dos combustibles fósiles e desenvolver as tecnoloxías que permiten xerar enerxía a partires da auga, a materia orgánica (biomasa), a calor do subsolo (xeotermia), o hidróxeno, o vento e o sol.  

A transición verde, froito dunha nova relación do ser humano co medio que o rodea e da preocupación polos efectos do cambio climático, situou a enerxía como o gran problema por resolver e a electrificación como a principal solución para chegar aos obxectivos de descarbonización marcados de aquí a 2050.

Un informe de EY adianta que a enerxía verde será maioritaria no mundo para o 2038 e representará o 62 % do mix enerxético no 2050. McKinsey, outra consultora, elévao ao 85 %. No caso europeo, a fonte enerxética que liderará o cambio será a eólica mariña e terrestre. De feito, a eólica xa foi en España no 2023 a principal fonte de xeración de electricidade.

Somos a quinta potencia mundial en eólica e a novena en solar, segundo a Axencia Internacional das Enerxías Renovables (IRENA). Pero as enerxías solar e eólica poden por sí mesmas alimentar a industria pesada e o transporte de longa distancia en avións, buques, camións e trens?  A resposta é non. A chamada industria electro-intensiva e o transporte pesado requiren unha solución alternativa. Así é onde emerxe o hidróxeno verde

Que é o hidróxeno renovable ou verde, como se lle chama popularmente? É un gas lixeiro presente no 75 % da materia do Universo. As naves espaciais impúlsanse dende a Terra con hidróxeno, debido á súa enorme potencia, pero continúan a viaxe movidas polos seus paneis solares. Unha mostra máis de como estas novas fontes de enerxía son hoxe máis presente ca futuro. 

O hidróxeno é unha fonte de enerxía inesgotable e pódese producir en calquera lugar do planeta. Só se precisa auga e uns electrolizadores que permiten separar o hidróxeno do osíxeno. Para conseguilo, ese proceso, chamado electrólise, requiría a inxección de enormes cantidades de gas ou carbón. E polo tanto era moi contaminante. Pero grazas á implantación das renovables, os electrolizadores poden funcionar xa con fontes de enerxía limpa como a solar e a eólica; así é como naceu o hidróxeno verde.   

En España apostamos polo hidróxeno verde como unha alternativa para a industria e o transporte pesado. Ten a vantaxe de que se pode transportar e almacenar (de aí a construción do futuro hidroduto H2Med que levará hidróxeno español ao resto de Europa), pero a estratexia deseñada grazas aos fondos europeos encamíñase tamén a crear Vales de Hidróxeno

Son polos industriais que abarcan toda a cadea de valor do hidróxeno: produción, distribución, comercialización e consumo final por parte das empresas e os sectores de actividade deses vales. De aí que se estean a configurar arredor de polos industriais e loxísticos xa existentes como Puertollano, Asturias ou os portos de Tarragona e Cartaxena, entre outros.       

O hidróxeno verde, a enerxía eólica e a solar configúranse polo tanto como os protagonistas da transición verde en España e os motores da ansiada autonomía enerxética. En IDAE traballamos dende hai anos para canalizar os investimentos públicos e reunir a industria arredor desta estratexia do país. Un país de enerxía inesgotable.