Coñecer as enerxías limpas
Onde viviamos no 1984?
Somos máis, somos máis diversos e máis urbanos. Nos últimos 40 anos, dende 1984, España medrou demograficamente e tamén nos distribuímos doutro xeito, ao concentrarse o 84 % da poboación nas cidades.
O censo de 1984 ofrecíanos unha foto fixa de 38 millóns de persoas. Un de cada catro españois (26 %) vivía entón nunha vila de menos de 5.000 habitantes. Hoxe somos 48 millóns de habitantes, pero nas zonas rurais, que se despregan sobre o 85 % do territorio, só viven 7,5 millóns de españois: o 16 % da poboación. A estatística tamén nos di que 8 dos 48 millóns de habitantes que ten hoxe España naceron no estranxeiro.
Como resultado desa evolución urbanita, somos un país que vive máis en vertical. Con fogares cada vez máis pequenos e menos habitados, pois nas casas e pisos españois conviven hoxe unha media de 2,5 persoas. Ao ritmo demográfico actual, dentro de 15 anos convivirán só 2,3 persoas por fogar. Pasaremos de 19 a 23 millóns de fogares en só década e media, segundo o Instituto Nacional de Estatísticas. E un de cada tres fogares serán unipersoais, case o dobre que hoxe en día. Con consecuencias evidentes sobre a enerxía e a mobilidade.
No IDAE levamos 40 anos impulsando a eficiencia enerxética dos edificios e casas onde viven os españois. Hoxe o titular lévao o autoconsumo solar, pero durante décadas fíxose un esforzo formidable en materia de illamento térmico, seguridade técnica e modernización dos sistemas de calefacción e auga quente das vivendas españolas.
O parque de vivendas español é especialmente antigo con respecto aos países do noso arredor. Segundo datos do sector inmobiliario, as casas españolas teñen unha idade media de 43 anos. Unha cifra que nos retrotrae de novo a 1984, cando naceu o IDAE. O esforzo de rehabilitación enerxética dos edificios foi notable dende entón, así como a aprobación de normativas de edificación cada vez máis esixentes en materia de illamento térmico e consumo enerxético. O certificado enerxético, obrigatorio para as casas que saen á venda ou se poñen de aluguer, naceu no 2013.
Os vellos edificios rehabilítanse e os novos constrúense con «intelixencia enerxética». A necesidade de rehabilitación é crucial nun país que no 1984 construía máis de 200.000 vivendas ao ano e hoxe inaugura menos da metade.
Os plans de rehabilitación que se sucederon ao longo das últimas décadas permitiron mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e dotalos de ascensores e accesos para persoas con discapacidade. Os fondos Next Generation vinculados co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia supuxeron unha aceleración neste proceso grazas a unha inxección de 3.420 millóns de euros.
Os visados para estas obras creceron este ano un 149 % con respecto ás cifras de antes da pandemia, segundo os Colexios de Arquitectos. Só o ano pasado se acometeron obras de rehabilitación en máis de 37.000 casas. O obxectivo é que se tiveran producido máis de 410.000 actuacións con reducións do consumo enerxético superiores ao 30 % antes do 2026.
Os nosos edificios hoxe: intelixentes, accesibles e seguros
Sabías que o parque inmobiliario español está composto por preto de 25 millóns de vivendas? Delas, aproximadamente 17 millóns están integradas en edificios residenciais e 8 millóns son unifamiliares.
O 45 % das vivendas en España é anterior a 1980 e a súa calidade non é a mesma que as construídas con posterioridade, en especial as que se deseñaron seguindo o Código Técnico de Edificación do 2006.
A necesidade de rexuvenecer eses edificios levou a propoñer diversas estratexias de rehabilitación que recibiron un novo pulo cos fondos Next Generation a partires do 2021.
Os fondos europeos destinaron especificamente 3.420 millóns de euros á rehabilitación e mellora enerxética do parque inmobiliario a través do «Plan de rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana». Preténdese que máis de 410.000 vivendas se beneficien destes fondos antes do 2026. E consigan reducir polo menos un 30 % o seu consumo de enerxía non renovable.
Ademais da antigüidade dos edificios, o plan detectou que arredor dun millón de vivendas estaban nun estado deficiente, malo ou ruinoso, que o 75 % dos edificios residenciais non eran accesibles e que o 40 % dos edificios de catro ou máis andares non tiñan ascensor.
É un problema que afecta ás vivendas anteriores a 1980, sobre todo, pero en xeral ás que non se viron beneficiadas polo Código Técnico de Edificación, de 2006, que unificou e modernizou a normativa sobre arquitectura en España, adaptándoa ao marco europeo.
Esta normativa redundou nunha mellor calidade técnica dos edificios de nova construción en materia de seguridade contra incendios, accesibilidade, seguridade estrutural, salubridade e eficiencia enerxética. Non hai máis que atravesar o portal dun edificio construído nos últimos 15 anos para comprobar a aplicación desas medidas de seguridade, o illamento térmico, a iluminación eficiente, a accesibilidade ou a preinstalación de sistemas de frío/calor.
O adxectivo «intelixente» que incorporamos aos móbiles, os televisores ou os reloxos tamén o reciben os edificios de nova construción, sobre todo pola capacidade que teñen de xerar a súa propia enerxía e reducir o seu consumo ao adaptárense á temperatura exterior e ao uso e ocupación que se fai da vivenda.
Ese nivel de calidade é o que se pretende estender aos edificios de maior antigüidade. O código, ademais, foi actualizándose en materia enerxética, co concurso do IDAE, incorporando novas esixencias en materia de eficiencia e sostibilidade, como a obrigatoriedade de dispoñer de instalacións de enerxía solar térmica e fotovoltaica, xeotermia ou aerotermia, ademais de sistemas de recarga para vehículos eléctricos.
O cambio de modelo no sector visualízase tamén coa Lei de Calidade da Arquitectura, de 2022, que defende unha nova cultura da construción afastada dos excesos que se produciron durante o desenvolvismo e acorde coas novas esixencias de sostibilidade, inclusión, habitabilidade e eficiencia. Algo que cobrou aínda máis importancia durante a pandemia, en que convertemos as nosas casas nun refuxio e espazo de traballo e ocio.
A enerxía que compartimos en comunidade
Di unha lei física acuñada durante a Ilustración que a enerxía non se crea nin se destrúe: transfórmase. Este paradigma transformouse tamén grazas á nova enerxía limpa que nos impulsa. Hoxe poderiamos completar a lei de Antoine de Lavoisier e dicir que a enerxía non se crea nin se destrúe: compártese.
Porque a enerxía, grazas sobre todo ao autoconsumo solar, xerámola nós, entre todos, nos nosos edificios: xa non temos que importala integramente dende territorios afastados nin precisamos destruír o planeta extraéndoa do subsolo e quentando a atmosfera.
A enerxía que queremos, a nosa querida enerxía, vivímola en plural cando antepoñemos o transporte público ao particular, cando a producimos nas nosas casas e nas nosas empresas e a vertemos á rede e cando nos asociamos cos nosos veciños para mellorar os nosos edificios. É a enerxía que compartimos. A que permitiu crear as primeiras comunidades enerxéticas nos barrios, animadas polos fondos Next Generation.
As primeiras axudas para a rehabilitación enerxética dos edificios remóntanse aos primeiros tempos do IDAE. Lembras cando empezaron as subvencións directas para cambiar ventás ou para xubilar as vellas caldeiras de carbón? A pesares dese esforzo, os inmobles españois seguen a manifestar ineficacias no século XXI.
De aí que o plan de rehabilitación alimentado cos fondos europeos impulsara dende 2021 a mellora dos edificios. As axudas permiten que as comunidades de veciños se poñan de acordo para reducir o consumo enerxético polo menos nun 30 % mediante o illamento de fachadas e cubertas, cambiando os sistemas de auga quente, calefacción e aire acondicionado e instalando paneis solares e sistemas de aerotermia e xeotermia.
As axudas a eses plans comunitarios cobren ata o 80 % do custo da infraestrutura, cun tope de 18.800 euros por vivenda, pero poden alcanzar o 100 % do custo no caso de fogares vulnerables.
Estes plans contribúen ademais a unir as veciñanzas nun obxectivo compartido: producir enerxía limpa xerada polo sol, a calor do subsolo ou o aire ambiental. Para facilitar o acordo nas comunidades de propietarios, as axudas chegaron acompañadas dunha modificación da Lei de Propiedade Horizontal, mediante o Real Decreto-Lei 19/2021 que rebaixa á maioría simple o mínimo necesario para aprobar as actuacións de mellora da eficiencia enerxética e a instalación de fontes de enerxía renovable.
A enerxía que xeramos xuntos é hoxe o novo paradigma. Conxúgase en plural e únenos como sociedade nun obxectivo común. Non sabemos como nin cando rematará ese camiño, aínda que hai unha data fixada no horizonte (2050), pero si sabemos quen deu o primeiro paso: aqueles españois que, no 1984, nas primeiras campañas que difundiamos no IDAE, dixeron algo tan sinxelo como «Apaga a luz».